Cooperación e solidariedade 2.0 en Galicia
A cooperación e solidariedade galegas teñen un grave problema de comunicación 2.0. De feito, apenas existen na web 2.0. E isto resta impacto ás tarefas de sensibilización e de visibilidade dos proxectos galegos de cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria.
A presenza na internet dos principais aglutinadores da cooperación e solidariedade galegas –Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e Cooperación Galega– e da maioría das ONG é miserenta. A súa presenza nas redes sociais é case nula e as súas páxinas web non só non pasan o filtro 2.0, senón que non aprobarían os test de accesibilidade, usabilidade, deseño e arquitectura da información.
Os responsables da cooperación e a solidariedade galegas están moi lonxe de entender o novo paradigma comunicativo e as extraordinarias posibilidades que ofrecen as ferramentas 2.0 á cooperación ao desenvolvemento e á axuda humanitaria. E estando á marxe dos novos fluxos horizontais de información e comunicación, córrese un alto risco de distanciamento coa sociedade rede: cos individuos que interactúan no ciberespazo, mais tamén con outras organizacións do noso país, do Estado español e do resto do mundo implicadas en proxectos solidarios e presentes nos medios sociais, coas que hai que xerar sinerxías.
O risco de invisibilidade no ciberespazo é alto. Cada vez está máis estendida a idea de que se non estás na web 2.0, non existes. Esta afirmación parece un pouco arriscada cando isto só acaba de comezar, mais con 1.700 millóns de internautas no mundo e unha penetración cada vez maior de internet non só nos países desenvolvidos, senón tamén nas zonas en vías de desenvolvemento, a cooperación e a solidariedade galegas dilúense e deixan de existir para moitos. Por suposto, non se trata de renunciar ás fórmulas tradicionais de acción e de comunicación, senón de conxugalas coa tecnoloxía 2.0. Primeiro, para fomentar o traballo colaborativo e a solidariedade en rede; e segundo, para acadar un maior impacto social. Viralidade no traballo e viralidad na mensaxe, para chegar a quen non se alcanza de maneira directa e para conectar con outras organizacións afíns.
Pero a cooperación e a solidariedade galegas seguen anquilosadas nun arcaico sistema de comunicación vertical, xerarquizada e unidireccional. Aínda non se entenderon as vantaxes que as novas formas de comunicación horizontal e multidireccional ofrecen á concienciación, sensibilización e mobilización cidadá, e ao fomento do traballo colaborativo con outras ONG, colectivos de cidadáns, fundacións, institucións públicas e privadas… Por non falar do alcance exponencial das redes sociais e o contacto directo e inmediato que facilitan con medios de comunicación e blogueiros. O camiño pasa por abrir canles de comunicación nas redes sociais e incorporar aplicacións web 2.0, como os botóns sociais, tags (etiquetas), RSS, enquisas online, blogs, etc.
As organizacións galegas adicadas á cooperación e a solidariedade deben ampliar a súa xeografía comunicativa integrando o 2.0 nos seus plans de comunicación estratéxicos. Estando presentes nos medios sociais e incorporando aplicacións 2.0 poderán xerar fluidez, instantaneidade, viralidade, conversación, debate, colaboración, participación, intercambio, maximizando o alcance e a efectividade das accións e das mensaxes. Deben estar presentes nas redes sociais e crear espazos en liña vivos e activos, pensando nos receptores como usuarios, é dicir, tamén como potenciais emisores e/ou produtores cos que retroalimentarse e cos que crear comunidades.
Ofrecer como medio de comunicación páxinas web 1.0 estáticas e obsoletas, e non estar presente na maior rede social do mundo, como é Facebook, ou no gran servizo de microblogging Twitter, é un grave problema de ignorancia ou un erro de desidia e/ou de excesiva confianza. Síntomas que se estenden por boa parte do Terceiro Sector do noso país, onde a experiencia 2.0 das ONG autóctonas é, en xeral, moi pobre, e onde boa parte das delegacións territoriais de organizacións estatais e internacionais presentes en Galicia están dixitalmente mutiladas.
A cooperación e a solidariedade galegas teñen que integrarse na internet colectiva e social, e actuar en rede.














AGARESO





